Convocadas as axudas a escolares para o próximo curso en Guitiriz

TerraChaXa
O Concello destina 15.000 euros para as liñas de axudas ao material, transporte e redución da fenda dixital para o curso escolar 2022-2023
material escolar vilalba
15 Xul 2022

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 7 de outubro.

O Concello de Guitiriz destina un orzamento de 15.000 euros para financiar as súas liñas de axudas para a compra de material, transporte e redución da fenda dixital dirixidas a escolares para o curso 2022-2023.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 7 de outubro. A documentación pode obterse na páxina web municipal www.concellodeguitiriz.com ou de xeito presencial no Rexistro da casa consistorial.

A liña de axudas ao material escolar; dirixida ao alumnado de educación infantil (2ª etapa de 3 a 5 anos), e bacharelato (residentes en Guitiriz matriculados en centros municipais ou de fóra); co obxectivo de cubrir as necesidades de material didáctico, libraría e/ou reprografía así como dispositivos adaptados a nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

Para os rapaces e rapazas universitarios ou que cursen ciclos formativos habilítase unha liña para financiar as súas necesidades de desprazamento, tanto ao lugar onde realizan a formación como de transporte interurbano se fose o caso.

Co obxectivo de salvar a fenda dixital existente no rural habilítanse dúas liñas. Por unha banda, axudas para a mellora da conexión dixital para que o alumnado de 5º e 6º de primaria e o da ESO poida acceder a contratos de liñas WIFI, de subministro de datos ou doutros dispositivos existentes no mercado. Pola outra, para a adquisición de dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, portátiles ou tabletas) dirixida ao alumnado de 4º da ESO e bacharelato empadroado en Guitiriz.

Estas liñas de axuda son incompatibles entre elas, é dicir, cada estudante só poderá optar a unha delas.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “queremos que todos os nenos e nenas poidan ter as mesmas condicións de estudo e, para iso, é necesario axudar ás familias a afrontar os elevados gastos que supón o curso escolar”.

0.176265001297