Convocada a nova edición da Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades de Cospeito
O Concello de Cospeito volverá celebrar, coincidindo coa última fin de semana de mes, a Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades, que terá lugar os días 29 e 30 de abril e que acada a XXXII edición.
Esta celebración é xa un referente nos sectores da maquinaria usada e nova, nunha porcentaxe do 50%, agrícola e industrial, a artesanía, os anticuarios, a floricultura e todo tipo de dispositivos que se poidan ver nunha feira. Contará con expositores de maquinaria, postos de artesanía de Galicia e León e anticuarios chegados de toda Galicia. Recupera tamén a feira a venda directa de particulares na artesanía, que terán o espazo gratuíto.
Espérase unha asistencia dun total de 120 expositores os dous días da feira, con anticuarios, artesáns e entre 20 e 25 expositores de maquinaria, ademais de diferentes postos ambulantes.
A falta de confirmación oficial nos próximos días, afeira, que será de entrada gratuíta, abrirá as súas portas o sábado 29 ás 10.00 no recinto feiral e media hora máis tarde farano o pavillón dos deportes, onde estará ubicada a exposición de anticuarios. Aínda así, a inauguración oficial coas autoridades será ás 13.30 horas. Estas dúas mostras permanecerán abertas ata as 20.30 horas. O domingo repetirase o horario.
A sesión contará coa terceira edición da Exposición de Coches Clásicos, a primeira tivo lugar xusto antes da pandemia e a segunda o pasado ano.
O programa completarase o domingo, ás 13.20 horas, coa I Festa da Música, que terá lugar na praza da Feira.
En toda a fin de semana Feira do Monte encherase do espíritu da feira coa colocación de postos de gastronomía repartidos pola localidade para poder gozar os pratos tradicionais galegos.