Convocada en Meira para esta tarde unha charla sobre os riscos das novas tecnoloxías na infancia

TerraChaXa
O obxectivo é ofrecer ás familias ferramentas prácticas para identificar situacións de perigo e promover un uso responsable e seguro
charla-novas-tecnolooxias-meiras
16 Jan 2026

A ANPA do IES Pedregal de Irimia, en colaboración co Equipo de Formación da Garda Civil de Lugo, organiza unha xornada informativa centrada na relación entre a infancia e as novas tecnoloxías. A actividade celebrarase este venres 16 de xaneiro na biblioteca do centro educativo, en Meira, en horario de 18.00 a 19.30 horas.

Baixo o título Infancia e Novas Tecnoloxías, a sesión abordará as principais estratexias de acompañamento e prevención no uso de dispositivos dixitais por parte de nenos e nenas. Ao longo da charla trataranse cuestións como a mediación familiar, a supervisión, a orientación, o establecemento de normas e límites, as restricións de acceso e a importancia da ciberseguridade.

Así mesmo, a xornada porá o foco nos riscos asociados ao uso das tecnoloxías, entre os que se atopan o sexting, o grooming, o uso excesivo de pantallas, a perda de privacidade, a suplantación de identidade e a adicción aos videoxogos. O obxectivo é ofrecer ás familias ferramentas prácticas para identificar situacións de risco e promover un uso responsable e seguro das novas tecnoloxías.

A iniciativa enmárcase nas accións de sensibilización e formación impulsadas pola comunidade educativa e conta coa participación do Plan Director da Garda Civil, que reforza o seu compromiso coa protección da infancia e a prevención no ámbito dixital.

⚙ Configurar cookies
0.083600044250488