Convocada en Vilalba unha concentración contra a baixada do prezo do leite

O sector gandeiro está chamado a mobilizarse en Vilalba o vindeiro 23 de marzo nunha concentración convocada para protestar pola baixada do prezo do leite e amosar o seu rexeitamento ás condicións actuais dos contratos propostos pola industria.
A protesta, impulsada polo Sindicato Labrego Galego, desenvolverase ás 11.00 horas diante das instalacións da empresa Lactalis, situadas na estrada de Meira. O colectivo organizador denuncia a situación de incerteza e perda de rendibilidade que atravesan as explotacións lácteas, nun contexto no que consideran que os prezos non cobren os custos de produción.
A mobilización pretende visibilizar o malestar do sector e reclamar condicións máis xustas para os produtores, así como unha revisión dos contratos que garanta a viabilidade das explotacións. Desde a organización fan un chamamento á participación para defender o futuro do rural galego e dun dos seus sectores económicos clave.