Convocada nas Pontes unha nova mobilización para mañá
As centrais sindicais teñen convocada unha nova manifestación para esixir unha transición enerxética xusta que ten que pasar por dar garantías de emprego para o persoal da industria auxiliar e concretar proxectos de futuro para As Pontes. A marcha realizarase mañá mércores, día 30 de xuño, data na que remata o compromiso de emprego ofrecido por Endesa, e sairá ás 20 horas de diante da casa consistorial.
A coordinadora das auxiliares lembra que xa pasaron dous anos dende que Endesa anunciara o peche da central térmica. Dous anos de mobilizacións continuadas nas que se logrou arrancar unha garantía de emprego á eléctrica que remate este 30 de xuño. Mais chegada esta data, Endesa segue co seu calendario, sen asumir responsabilidades laborais, sociais ou ambientais malia os millonarios beneficios que obtivo durante décadas coa actividade da central das Pontes. "A partires do 1 de xullo empezan os despedimentos e os traslados. As Pontes, mais unha vez, empobrécese", advirten.
Neste proceso, Endesa é culpábel, mais tamén teñen responsabilidades as administracións públicas "colaboradoras nesta desfeita" e que levan todo este tempo facendo promesas e propaganda dunha transición xusta, sen concretar nin unha soa medida nin proxecto para facela realidade.
Hai xa máis dun mes que as organizacións sindicais solicitaron reunións urxentes coa ministra de Transición Xusta, coa ministra de Traballo e co presidente da Xunta de Galiza "sen que teñamos contestación, e iso que algunhas destas persoas estiveron nas Pontes facendo campaña electoral, mais agora, cando deberían actuar, só recibimos silencio".
Diante deste abandono, a CIG chama a dar unha gran resposta social para presionar os gobernos e lograr que obriguen a Endesa a negociar o mantemento do emprego e a planificar de xeito conxunto unha proposta industrial para As Pontes.