Convocada para o 19 de abril unha nova edición da carreira e andaina Guitiriz Termal

TerraChaXa
As inscricións estarán abertas ata o 15 de abril e haberá fila cero a favor da asociación Somos Unidos Contra el Cáncer
presentacion-guitiriz-termal
30 Mar 2026

O Concello de Guitiriz presentou na Escola Habanera unha nova edición da Carreira Popular Guitiriz Termal, que este 2026 celebra a súa décimo sexta edición, acompañada da quinta Andaina, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas do municipio. A proba conta está organizada en conxunto co Club Atletismo Guitiriz e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

No acto de presentación participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o concelleiro de Deportes, Iván Morado; o atleta local e responsable do Club Atletismo Guitiriz, Antonio Teijido; e dous rapaces membros do equipo, Noa Abella e Roberto Fernández.

A proba terá lugar o domingo 19 de abril, co Campo da Feira como punto neurálxico da xornada, reunindo a participantes de todas as idades nun evento que combina deporte e convivencia. Como principal novidade, este ano celebrarase en horario de mañá.
A carreira está aberta á participación de todas as persoas que o desexen, con diferentes categorías adaptadas por idades, desde biberóns ata categoría absoluta, ademais dunha andaina de 9 quilómetros pensada para todos os públicos.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, quixo agradecer o traballo e a implicación do Club Atletismo Guitiriz e do seu responsable, Antonio Teijido, así como destacar que “estamos moi contentos e orgullosos polo crecemento desta proba co paso dos anos, que ademais incentiva o deporte local, como amosa o crecemento do equipo de atletismo ano tras ano”.

A rexedora tamén quixo facer fincapé no carácter solidario da competición, comentando que “como cada ano, a proba conta cun marcado carácter social, colaborando coa asociación Somos Unidos Contra el Cáncer coa doazón de parte das inscricións e a través da fila cero”.

Para rematar, Morandeira quixo tamén agradecer “a colaboración de todas as institucións e patrocinadores que fan posible esta carreira”.
Pola súa banda, o responsable do Atletismo Guitiriz, Antonio Teijido, amosou o seu orgullo por “poder colaborar nesta proba no meu pobo, Guitiriz, e situalo no mapa do atletismo Galego”. Ademais, Teijido comentou que este ano as inscricións van por moi bo camiño, augurando “en torno aos 300 participantes entre todas as categorías”.

Programación da proba

As probas desenvolveranse ao longo da mañá, con saída da andaina ás 10:00 horas e das distintas carreiras a partir das 12:00 horas, incluíndo percorridos adaptados para as categorías de menores e unha carreira absoluta de 5 quilómetros. A entrega de premios terá lugar arredor das 13:30 horas.

Como ben sendo habitual na proba, este ano tamén haberá compromiso social, xa que 1 euro de cada inscrición destinarase á asociación Somos Unidos Contra el Cáncer, habilitándose ademais unha fila cero para achegas voluntarias, aínda que con esta fila cero non se poderá participar na proba deportiva.

As inscricións estarán abertas ata o 15 de abril ás 23:59 horas a través da plataforma ChampionChip Norte. A participación será gratuíta nas categorías de menores, mentres que a carreira absoluta terá un custo de 5 euros máis aluguer de chip para quen non dispoña del, e a andaina terá un custo de 3 euros para persoas adultas, sendo gratuíta para menores.

No caso de realizar a inscrición o mesmo día da proba, os prezos incrementaranse ata os 10 euros para a carreira e 5 euros para a andaina. A recollida de dorsais e chips realizarase o mesmo día da proba entre as 10:30 e as 11:30 horas no Campo da Feira.

Para facilitar a participación, habilitaranse distintos servizos como duchas no Pavillón Municipal a partir das 12:30 horas, zonas amplas de aparcadoiro nas inmediacións, servizo de ambulancia con médico no Campo da Feira e avituallamento con auga e froita, ademais dun agasallo para os participantes.

0.11871409416199