Convocada para o 29 de marzo a Festa da Bola de Liscos e as Freces de Bretoña

A Asociación de Amigos da Feira de Bretoña anunciou que a XV edición da Festa da Bola de Liscos e das Freces de Bretoña terá lugar finalmente o domingo 29 de marzo, no concello de Pastoriza, continuando coa recuperación da mesma.
Como novidade, este ano a asociación decidiu adiantar a celebración, que normalmente tiña lugar na segunda quincena de maio.
Trátase dunha celebración que busca ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que organiza a Asociación de Amigos da Feira de Bretoña. A comisión adiantou que o sábado 28 haberá polbo e festa verbena co trío Manhattan.
Nas edicións anteriores repartíronse unhas 200 bolas de liscos e de 800 racións de freces entre os asistentes a este evento que desbordaron as previsións.
Ademais, coincidindo coa celebración, o sábado 14 terá lugar a décima xornada da Liga Nacional de Billarda no campo da festa de Bretoña. Será a partir das 16.00 horas no VIII Aberto de Billarda das Freces.
A bola de liscos é un prato da zona elaborado con masa de pan, panceta afumada, chourizo e berzas, o que se coñece como cociña con produtos de subsistencia pero cun resultado espectacular. Para os que non coñezan este produto, ten moito parecido cunha empanada gorda pero moi xugosa e saborosa. Esto é debido aos liscos do seu interior e o sabor é pola cobertura de berza coa que se mete ao forno.