Convocada unha manifestación en Vilalba contra Surexport

TerraChaXa
Convocada unha manifestación para mañá venres co lema Contra a explotación e o respolio agroindustrial. Surexport Fóra de Galicia.
surexport manifestacion3
16 Sep 2021

As organizacións ADEGA, A Estruga Espazo Agroecolóxico, Amigos da Terra, Confederación Intersindical Galega - CIG, CS Madia Leva!, Central Unitaria de Traballadoras - CUT, Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega - FRUGA, Sindicato Labrego Galego - SLG, Terra Chá Sostible, activistas da loita contra a megaminaría, movementos sociais, veciñanza da zona, ex-traballadoras e veciñas/os da contorna convocaron unha manifestación para mañá venres co lema Contra a explotación e o respolio agroindustrial. Surexport Fóra de Galicia.

Esta protesta dá continuidade á campaña iniciada o pasado 18 de agosto.

Ás 12:00 horas está prevista unha concentración na praza da Constitución de Vilalba, para continuar a exixir ás administracións "accións decididas contra os abusos denunciados por diversas vías nos últimos meses".

"Dende mediados do pasado mes de xullo diversas organizacións galegas vimos articulando unha fronte común para denunciar as graves prácticas que a empresa Surexport está a levar a cabo na Terra Chá. As testemuñas relatan presións constantes -dirixidas especialmente contra as persoas migrantes-, ameazas de despedimento se non se recollen cantidades desorbitadas de arando en xornadas de 12 horas, incumprimento das condicións salariais -as horas extra son pagadas a 6€ en lugar de a 12€-, amoreamento de traballadoras/es sen distancia de seguridade nin máscara durante a pausa da comida, limitación da remuneración do tempo de descanso a só 15 minutos ao día ou a escaseza de auga que dificulta ter unhas condicións hixiénico-sanitarias mínimas", explican.

Acusan a esta empresa tamén de contaminación de aguas e solos vinculada ao seu modelo de produción agroindustrial, sustentado no emprego de abundantes produtos químicos, así como no "acaparamento" de terras agrarias para expandir o seus monocultivos, "realizando competencia desleal, provocando o abandono da actividade agraria e acelerando o despoboamento do rural".

"A posta en coñecemento das Consellaría de Emprego e Igualdade e da Consellaría de Medio Rural na Galiza da posible explotación laboral infrinxida por esta empresa orixinaria de Huelva e integrante dun potente conglomerado agroindustrial, coincidiu no tempo ca contundente denuncia realizada a nivel internacional por parte de observatorios dos dereitos humanos como Danwatch -que motivou a suspensión de contratos con cadeas de supermercados danesas-, e medios de comunicación como Politiken ou o portal de novas Al Jazzeera. Segundo datos da propia empresa, Surexport acapara o sector da produción privada de froitos vermellos -framboesas, amorodos, arandos, moras-, con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español", conclúen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.091190814971924