Convocada unha nova edición do concurso de redacción Mariña Folgueira
A directiva da Asociación Sociocultural de Reigosa recupera o título dunha das obras máis sobranceiras de Castelao para animar aos estudantes da provincia de Lugo a falar da súa terra. Baixo o título Sempre en Galiza preséntase a cuarta edición do certame de redacción que honra a memoria da xornalista e veciña da parroquia pastoricense, Mariña Folgueira.
Esta iniciativa ten como fin pór en valor a cultura e a lingua galega e nace tamén co ímpeto de conseguir espertar nos escolares o interese por contar historias. Os traballos deben presentarse en galego e pode participar o alumnado matriculado en calquera centro escolar público da provincia de Lugo que curse actualmente estudos do segundo ou terceiro ciclo de Educación Primaria ou primeiro e segundo ciclo de Educación Secundaria. A data límite de recepción das redaccións finaliza o 15 de xuño do 2018.
O premio para os gañadores de cada ciclo consiste nun lote de libros en galego, unha tablet e un diploma. O centro educativo do estudante que resulte vencedor tamén recibirá un lote de libros en lingua galega. Ademais, o centro ao que pertenza a persoa mellor valorada polo xurado recibirá en recoñecemento unha escultura orixinal de madeira de nogueira e ferro esmaltado e pintado do artista Luís Loureira baixo o título de Peiteando o porvir.
O xurado, ao igual cas anteriores edicións, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio (un escritor, un xornalista, un profesor de literatura, un crítico literario e un persoeiro dos medios de comunicación) que serán designados pola xunta directiva da asociación sociocultural de Reigosa.
As bases do concurso poderán consultarse no Facebook da asociación de veciños e difundiranse entre todos os centros de Lugo. O acto de entrega de premios terá lugar a mediados do mes de agosto, xusto cando se cumpren sete anos do pasamento da xornalista.
Pincha aquí para consultar as bases.