Convocada unha nova edición do concurso literario 'Tes un conto' de Guitiriz

TerraChaXa
A iniciativa busca, un ano máis, premiar a creatividade da veciñanza a través deste certame que non terá límite de palabras nin de idade
dia-do-libro-recurso
20 Mar 2026

O Concello de Guitiriz, a través da súa biblioteca municipal, convoca a sexta edición da iniciativa literaria “Tes un conto…”, unha proposta que busca fomentar a creatividade e o uso da lingua galega entre a veciñanza coincidindo coa celebración do Mes do Libro.

A actividade convida ás persoas participantes a crear un texto —en verso ou prosa— no que deberán incluír unha serie de palabras propostas: “forno, rebelde, memoria, liberdade, Penélope, epístola, procurar, a partir de”. Esta condición pretende estimular a imaxinación e ofrecer un punto de partida común para todas as creacións.

A convocatoria enmárcase nas celebracións do Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e do Día do Libro (23 de abril), reforzando o compromiso co fomento da lectura e da escritura.

Os textos poderán enviarse por correo electrónico ou entregarse na biblioteca municipal, así como por correo postal. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 30 de abril.

Desde o Concello anímase á cidadanía a participar nesta iniciativa cultural: “é unha oportunidade para deixar voar a imaxinación e compartir historias propias en galego”.

0.12177300453186