Convocada unha nova edición do concurso do Festival de Cine na Roca
A organización vén de convocar a sexta edición do concurso de curtametraxes do Festival de cine de música de Roca, que vai ter lugar os días 26 e 27 de xullo de 2018 na aldea de Roca, en Guitiriz.
O prazo de entrega de curtametraxes é ata o 15 de xuño, habendo dúas categorías, unha de curtametraxes galegas e outra de fóra de Galicia, cun premio en metálico en cada categoría de 100€ e un trofeo a cargo dun artesán da comarca.
Importante é a temática musical das curtametraxes, que caracteriza o festival. De feito, nel poden participar todas as persoas que o desexen que sexan maiores de 18 anos cunha única peza rodada en castelán ou galego, ou, no caso de ser noutro idioma, con subtítulos en calquera dos dous idiomas.
Entre os requisitos para participar está o feito de que as obras presentadas teñen que ser de antes do 1 de xaneiro de 2015, a duración das mesmas non pode exceder os 30 minutos e teñen que presentarse con copia en DVD ou a través de plataformas dixitais.
Un ano máis, a asociación Xermoles será a encargada de xestionar este concurso no que haberá unha preselección das obras que finalmente irán a concurso cos votos do público.