Convocada unha nova edición do Mercado de Nadal de Muimenta
A Xunta Directiva da Asociación de Empresarios de Muimenta, a cal engloba a gandeiros, profesionais e autónomos da Vila, sigue desenvolvendo actividades, en especial encamiñadas a estas datas de Nadal.
Un ano máis, o Mercado de Nadal de Muimenta, que alcanza a súa décimo sexta edición, comeza o domingo 1 de decembro e rematará o 5 de xaneiro do 2025 (en ámbolos dous días, celébrase a feira mensual da vila).
Participarán un total de 26 negocios (os mesmos que na edición anterior), repartíndose unhas 19.000 rifas entre os seus clientes, co cal, se manterán o importe dos premios.
Os premios serán 19 vales de 100 euros, cada un deles, aos propietarios das papeletas que coincidan cos tres últimos números do primeiro premio da Lotería de Reis, que se celebrará o vindeiro sábado 6 de xaneiro do 2025.
Os gañadores terán que informar antes de que remate o 15 de xaneiro, de que posúen a rifa gañadora. Non será válido todo o que apareza despois dese día, así como se se gaste o valor do premio antes da entrega do pertinente vale.
Ditos vales, deben ser consumidos, coma sempre, nos negocios pertencentes ao colectivo empresarial, nos trinta días posteriores a súa entrega.
Esta iniciativa xurdiu no ano 2009, como unha maneira de incentivar as compras de Nadal nos negocios da parroquia.
Hoxe máis ca nunca, o colectivo empresarial de Muimenta, quere animar a toda a xente a consumir nos negocios e locais da vila, "xa que esta situación que estamos a atravesar, fai precisar, máis que nunca a colaboración de todos, xa que, os nosos veciños e amigos precisan de nós, e nós deles".