Convocada unha nova edición do premio Xermade na Historia
Un ano máis, o Concello de Xermade convocou o Premio de Investigación Xermade na Historia, a IX edición, que organizan conxuntamente o Concello, a asociación de veciños de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio da Deputación de Lugo.
Xa está aberto o prazo para presentar os traballos e este manterase ata o 24 de marzo de 2023. Así mesmo, mantense un premio de 2.000 euros para o primeiro e un segundo galardón dotado con 1.000 euros. Os interesados en participar poderán facelo tanto de xeito individual como colectivo e con cantos traballos queiran presentar, sempre que estes versen sobre temas relacionados co patrimonio etnográfico e cultural de Xermade: tradicións, ritos, festas, arte popular, memoria histórica, costumes, arquitectura, etc.
A organización establece tamén unha extensión mínima de 50 folios e un máximo de 400 e deberán estar escritos en galego.
As investigacións deben remitirse por correo ao rexistro municipal e presentarse en impresos tamaño folio e cunha copia dixitalizada en CD ou USB. Irán acompañadas dun sobre pechado cos datos persoais do autor ou autores, así coma o seu currículum vitae, e do modelo de presentación que pode atoparse na web municipal, www.xermade.org, debidamente cuberto.
A organización resérvase o dereito de editar as obras gañadoras nos 5 anos seguintes.
O xurado estará composto polo alcalde do Concello e catro vogais: o presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural.