Convocada unha nova edición do premio Xosé María Díaz Castro de poesía
O Concello de Guitiriz lanza outra edición máis do premio Xosé María Díaz Castro de poesía, que xa vai pola sexta convocatoria. O prazo para presentar os orixinais, que xa está aberto, rematará o 31 de marzo.
Os poemas que se envíen deberán estar escritos en lingua galega e poderán ser de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos. Non poderán concorrer ao certame os gañadores e gañadoras de anteriores edicións.
A obra gañadora terá un premio en metálico de 2.000 euros e ademais será publicada por Edicións Espiral Maior. O veredicto do xurado, que estará formado por tres persoas vinculadas á poesía e/ou á crítica literaria galegas, terá lugar nun acto público despois do 15 de abril.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, destaca que “é moi importante para unha vila como Guitiriz honrar o seu patrimonio e Díaz Castro e o seu legado forman parte deste” e explica que “ademais, este certame, que se está a converter nunha referencia para os autores e autoras, permítenos contribuír á promoción e difusión da cultura galega”.