Convocadas as axudas para reposición de animais por sacrificio obrigatorio

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta convoca as axudas para compensacións e reposición de animais polo sacrificio obrigatorio de gando por erradicación de enfermidades
morro cerdo sacrificio animal
27 Feb 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas de compensacións complementarias e para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. Estas subvencións contan cun orzamento de 125.000 euros.

Así, por unha banda, esta orde regula dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas complementarias (lucro cesante). En primeiro lugar, coas axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período no que non se permite a incorporación de novos animais (período de baleiro). En segundo termo, coas subvencións de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período dende que se autoriza a incorporación de novos animais, ata que esta se fai efectiva (período de postautorización).

Por outra banda contémplanse, ademais das axudas para compensación, aquelas destinadas á compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Do mesmo xeito, poderán beneficiarse das achegas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións das devanditas especies nas que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación. Tamén, as persoas ou entidades titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais destas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

O prazo para a presentación de solicitudes será ata o día 30 de novembro de 2022.

0.17288208007812