Convocadas axudas para a ordenación ou xestión forestais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 13 de febreiro a orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF).
Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, teñen un orzamento de seis millóns de euros.
A finalidade desta liña de achegas é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Así, estes fondos permitirán subvencionar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documento simple de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de a adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.
As comunicacións de adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal serán imprescindibles para a realización de aproveitamentos forestais naqueles montes de menos de 15 hectáreas a partir do 31 de decembro de 2020 e para o resto será a partir do 31 de decembro de 2028. Polo tanto, existe unha necesidade de impulsar de xeito decidido este tipo de ferramentas que se adaptan ao tamaño destas propiedades e á súa intensidade de uso.
Así, e co fin de fomentar a certificación forestal, todos os IOXF obxecto de axuda ao abeiro desta orde terán que presentarse entre os meses de abril e xuño de 2021. Feita a súa presentación, disporán do prazo dun ano para certificarse mediante, cando menos, un sistema internacionalmente recoñecido.