Convocadas as axudas para reformar mercados e prazas de abastos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 21 de xaneiro a resolución da Consellería do Medio Rural que convoca as subvencións destinadas aos concellos galegos para que rehabiliten ou reformen os mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios. O orzamento da convocatoria de 2020, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), supera os 1,7 millóns de euros, divididos a partes iguais entre os exercicios deste ano e o vindeiro.
O obxectivo das axudas, enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, é potenciar a comercialización de produtos agroalimentarios nos mercados municipais e prazas de abastos, que serven de dinamización económica e social dos territorios. Os consumidores valoran tanto o trato persoal recibido como a calidade e a proximidade dos produtos que mercan e a finalidade é mellorar a experiencia do usuario cunhas infraestruturas renovadas.
Poderán beneficiarse destas achegas os concellos galegos que pretendan rehabilitar ou reformar mercados ou prazas de abastos de titularidade municipal. Subvencionaranse as obras que afecten á estrutura da edificación, a habilitación de espazos de uso común ou instalacións de uso colectivo dentro dos inmobles. Tamén se poderá recibir axuda para facer fronte á redacción do proxecto e á dirección de obra, ata un máximo do 12% dos custos subvencionables.
O prazo de presentación de solicitudes é de 45 días naturais a contar desde mañá. Os concellos interesados deberán complementar a solicitude co proxecto de obra que queiran acometer e remitilo todo exclusivamente por medios electrónicos.
As subvencións convócanse en réxime de concorrencia competitiva. Os criterios de baremación atenden á localización xeográfica da obra, á boa xestión acreditada polas entidades locais e ao contido das actuacións propostas. Os seleccionados recibirán unha porcentaxe de axuda do 80% dos custos subvencionables, ata un máximo de 50.000 euros.
O enlace á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200121/AnuncioO90-191219-0001_gl.html