Convocado nas Pontes o segundo concurso de receitas de cogomelos
O Concello das Pontes, no marco das Xornadas Micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos, organiza a segunda edición do Concurso Gastro-Micolóxico de receitas a base de cogomelos, co fin de potenciar a actividade micolóxica e a micofilia entre a poboación.
Haberá dúas categorías de pratos: salgados e doces, podendo presentarse cada persoa a ambas categorías. Se ben, só poderá ser premiada nunha delas. Neste concurso poderá participar calquera persoa afeccionada á cociña que sexa maior de idade, podendo presentar ata un máximo de 4 receitas. Para participar, deberá enviar as súas receitas a base de cogomelos, acompañada dunha fotografía do prato rematado, ao correo electrónico terradecogomelos@gmail.com. O prazo para enviar as receitas remata o 30 de abril.
As receitas presentadas deberán mencionar as especies de cogomelos que se empregaron na súa elaboración, indicándose os ingredientes e as súas cantidades necesarias, así como o proceso de elaboración.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de receitas, o xurado do concurso fará un proceso de valoración e seleccionará as 6 receitas finalistas (3 por cada categoría). Nesta valoración, atenderase a aspectos como a orixinalidade, a presentación, as técnicas empregadas ou o protagonismo dos cogomelos na receita.
As 6 receitas finalistas escollidas polo xurado participarán na fase final do concurso. Nesta quenda deberán facer entrega do seu prato presencialmente a primeira semana do mes de maio, nun lugar aínda por determinar, para que o xurado poida facer a valoración final e seleccionar as 2 receitas gañadoras (1 por categoría).
O fallo e a entrega dos premios farase nun acto público durante o mes de maio, nun lugar aínda por determinar.
Haberá agasallos para todas as receitas finalistas, 3 na categoría Salgados e 3 pola categoría Doces. As 6 finalistas recibirán un permiso anual para recolección no couto micolóxico do Monte Forgoselo e un pack de cogomelos cultivados nas Pontes, así como un diploma acreditativo.
Haberá un primeiro “premio de receita salgada” e primeiro “premio de receita doce” relacionados coa gastronomía e a micoloxía.