Convocado nas Pontes un curso de saude e autocoidado para coidadores

TerraChaXa
A actividade desenvolverase en Casa Dopeso, cun grupo reducido de arredor de 15 persoas, favorecendo así un traballo máis próximo, personalizado e adaptado
saude-e-autocoidado-curso-as-pontes
6 Apr 2026

O Concello das Pontes presenta o taller Saúde e Autocoidado, unha iniciativa centrada na recuperación psicolóxica e emocional de persoas que padeceron ou padecen unha enfermidade, así como das persoas coidadoras, co obxectivo de mellorar o seu benestar e calidade de vida.

A actividade desenvolverase en Casa Dopeso, cun grupo reducido de arredor de 15 persoas, favorecendo así un traballo máis próximo, personalizado e adaptado ás necesidades específicas das persoas participantes.

Este obradoiro busca ofrecer un espazo seguro, respectuoso e confidencial no que se fomente a expresión emocional, o apoio mutuo e a adquisición de ferramentas para afrontar o impacto psicolóxico derivado dos procesos de enfermidade e do coidado continuado, configurándose como unha intervención preventiva e de acompañamento centrada na persoa que promove unha recuperación integral e máis humana.

O programa desenvolverase ao longo de 14 sesións quincenais, que terán lugar os xoves en horario de 16:30 a 18:30 horas, comezando o vindeiro 15 de abril. Ao longo das sesións abordaranse diferentes temáticas como a xestión emocional, a redución do estrés, o fortalecemento da autoestima, a comunicación asertiva, o establecemento de límites e o autocoidado, combinando contidos psicolóxicos con actividades prácticas de carácter vivencial orientadas ao benestar físico e emocional, como técnicas de relaxación e mindfulness, danzaterapia, xogos de memoria e risoterapia, co obxectivo de favorecer a desconexión do proceso de enfermidade e o fortalecemento dos recursos persoais.

Esta iniciativa responde á necesidade detectada de ofrecer espazos de apoio emocional no ámbito comunitario ante o impacto que a enfermidade e o rol de coidador ou coidadora teñen na saúde psicolóxica das persoas, xerando en moitos casos situacións de estrés, ansiedade e sobrecarga emocional.

As inscricións poderán realizarse de forma presencial no departamento de Servizos Sociais entre os días 7 e 13 de abril.

Con esta proposta, o Concello das Pontes reforza o seu compromiso co benestar da cidadanía, apostando por accións que contribúan á mellora da saúde emocional e á creación de comunidades máis coidadoras e resilientes.

0.12010192871094