Convocado o concurso de debuxo da Festa da Filloa de Muimenta
Como todos os anos, o día 1 de maio, que nesta ocasión coincidirá martes, celebrarase a XXVII edición da Festa de Filloa, festa que ten a consideración de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta de
Galicia dende o 20 de febreiro do 2008. A comisión organizadora deste evento é a mesma que organiza a Mostra Exposición de Muimenta e foi a primeira comisión que a puxo en marcha no ano 1992.
Dita comisión vén de convocar a XIX edición do Concurso de Debuxo e Relato Filloa 2018 e xa foron enviadas as bases aos diferentes centros escolares de primaria e secundaria de toda a comarca da Terra Chá, vinte e cinco en total.
Nesta edición os participantes terán que facer os seus traballos sobre A Festa da Filloa como único requisito aínda que terán que centrarse no décimo aniversario da declaración de Interese Turístico de Galicia outorgada pola Xunta.
Os traballos gañadores serán expostos durante a celebración de dita festa gastronómica, e os galardonados recibirán os seus premios despois do pregón da Festa o vindeiro primeiro de maio.
Espérase contar, como vén sende habitual dende o ano 2010 (data de sinatura do convenio de colaboración), con unha colaboración por parte da Universidade de Santiago de Compostela, que será entregado a un dos dezaseis premiados, premios nos que tamén se espera contar coa colaboración do Concello de Cospeito, coa Deputación Provincial de Lugo, a Delegación de Xunta de Galicia e as entidades Abanca, Caixa Bank, Sabadell Gallego e Banco Pastor, como vén sendo habitual nas últimas edicións.
A organización da Festa da Filloa recae na Asociación de Empresarios de Muimenta, a través das comisións da Moexmu, que todos os anos trae a esta localidade chairega xentes de toda a comarca e zonas limítrofes. Durante toda a xornada realizan filloas, churrasco, queimada, café e atenden á xente que se acerca ese día a xantar ata a vila.