Convocado para o 25 de outubro o magosto Cal da Loba de San Martiño de Pino


A Asociación Recreativa Cultural de San Martiño de Pino volverá a celebrar este ano o Magosto Cal da Loba, que será o día 25 na quinta edición do mesmo.
Este magosto contará cun amplo programa de actividades que se iniciarán ás 10.30 horas e que comezarán cunha andaina dende a escola do Mato ata o castelo de Caldaloba coa vestimenta de época. Os participantes vestidos de época recibirán o título honorífico Constanza de Caldaloba e un premio especial.
Ao finalizar, tralo saúdo dos organizadores, encargarase da lectura do pregón Enrique Alvarellos Casas. A continuación, será o recital poético con poemas dos certames Torre de Caldaloba e a entrega do título honorífico a Ángela Veiga Mouriz.
Suso Pena Regueiro será o encargado de facer unha introdución sobre a historia e os últimos achados do castelo para dar paso á entrega de premios do Certame de Caligramas Constanza de Castro, convocado en colaboración con Culturalia GZ e Caldaloba.es co fin de reivindicar a relevancia histórica e cultural da Torre.
Este ano haberá xantar medieval no local social, con cocido de época que consistirá en callos, carne asada con patacas fritas, sobremesa e o magosto. O xantar xunto co magosto ten un prezo de 28 euros para socios e 33 para non socios, a metade (15,50) para os menores de 12 anos e de balde para os menores de 7. Só o magosto ten un prezo de 8 euros. A inscrición pecharase o 20 de outubro.
Pola tarde tamén haberá animación, con xogos infantís da busca do tesouro, teatro con A lenda de Caldaloba, por José Manuel Pena; obradoiros de coiro e de olería e a música das Pandereiteiras de Caldaloba.
