Convocado un curso de técnicas de estudo en Begonte

O Concello de Begonte, en colaboración coa Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer), organiza un curso gratuíto sobre técnicas de estudo dirixido a persoas maiores de 18 anos. A actividade desenvolverase o vindeiro 9 de outubro, en horario de 16:00 a 22:00 horas, na Casa da Cultura.
O obxectivo deste curso é dar a coñecer as técnicas de estudo e memorización máis eficaces, así como a súa adaptación en casos de dificultades de aprendizaxe. Entre os contidos previstos inclúense a teoría das intelixencias múltiples, a reestruturación cognitiva para o estudo, os hábitos de estudo en nenos e nenas de primaria, as diferenzas entre técnicas de estudo e memorización, así como unha revisión das principais dificultades de aprendizaxe, como a dislexia, a discalculia, a disgrafía, o TDAH e as altas capacidades.
As persoas interesadas poderán inscribirse nas oficinas do Concello de Begonte ata o 7 de outubro ou ata esgotar as prazas dispoñibles.