Convocado de novo o concurso de recitado poético Rosalía sempre viva

LugoXa | TerraChaXa
O certame terá a fase final o 22 de marzo de 2025 na propia Casa-Museo de Manuel María
concurso-rosalia-sempre-viva
2 Dec 2024

A Casa-Museo Manuel María convoca unha nova edición do Concurso de recitado de poesía sobre poemas de Rosalía e Manuel María. O certame terá a fase final o 22 de marzo de 2025 na propia Casa-Museo.

O certame está dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato, e está centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María.

O obxectivo do concurso é potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura. Así, os traballos gañadores da pasada edición pódense ver no portal web da Casa-Museo.

O concurso establece catro categorías, a primeira para os tres primeiros cursos de Primaria, a segunda para os alumnos de 4º a 6º. A terceira categoría engloba aos alumnos de Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos.

O concurso constará de dúas fases, na primeira no propio centro escolar e a segunda entre centros. Na primeira escolleranse tres traballos por categoría e na segunda, os seleccionados participarán no recitado dunha única poesía escollida libremente entre a obra en galego de Rosalía ou de Manuel María. Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, a memorización e o seu nivel de dificultade.

Os centros interesados en sumarse a este concurso deberán facer a súa preinscrición antes do 7 de febreiro.

Na segunda fase concederanse un premio para cada unha das categorías 1 e 2 e dous premios para a categoría 3. Os premios serán unha tablet para as persoas gañadoras e un lote de libros para os centros que representan.

O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo neste caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.

0.16989803314209