Convocan a IV Baixada de carrilanas en Meira para o 1 de xuño
A Asociación de carrilanas Os Meiregos presentou xa o seu cartel para a cita deste ano, a que sería a IV Baixada Vila de Meira e que ten como data de celebración o 1 de xuño.
A inscrición para este evento xa está aberta e ten como data límite o 29 de este mes. Como sempre, esta pode facerse a través da web e das redes sociais da federación de deportes de inercia ou as redes sociais da asociación organizadora.
A proba dará comezo ás 16.00 horas pero durante toda a mañá haberá verificacións e adestramentos desde as 11.00. Haberá ás 14.00 horas uns petiscos para os participantes. Consistirá en unha manga de adestramentos e a continuación as dúas mangas oficiais.
O percorrido de Meira, de preto de tres quilómetros, arrincará xunto aos eólicos para pasar polo Pedregal de Irimia e finalizar na aula da natureza. "Cun desnivel de 289 metros e unha pendente media do 10%, esta pista desafía ata aos corredores máis experimentados. O trazado conta con un espectacular salto, onde se reúnen a maioría dos espectadores", relata a organización.
Esta proba é puntuable para a Copa Galicia 2024 e repartirá premios para os tres mellores de cada categoría e schatch xeral. Ademais haberá un premio sorpresa ao piloto máis rápido.