Convocan á veciñanza de Parga para consensuar a proposta a ADIF

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz convocou á veciñanza da parroquia de Parga a unha reunión co obxectivo de consensuar a solicitude a enviar a ADIF
vía tren adif
12 Xuño 2021

O Concello de Guitiriz convocou á veciñanza da parroquia de Parga a unha reunión co obxectivo de, entre todos, consensuar a solicitude a enviar a ADIF para que non execute o proxecto de supresión dos pasos a nivel na localidade.

Tras acadar o compromiso de ADIF de non levar a cabo a actuación se non se conta coa aprobación veciñal a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, enviou unha carta aos veciños e veciñas explicando este acordo e citándoos o mércores, 16 de xuño, ás 19 horas no campo de fútbol de Parga “na que exporemos os detalles desta proposta e, se estades de acordo, recolleremos as vosas firmas para incorporar ao escrito que se enviará a ADIF”.

Ademais, aquelas persoas que non poidan acudir á xuntanza tamén poderán asinar o escrito, que estará á súa disposición no Concello ata o 23 de xuño. “Chegou o momento de dirixirse a ADIF para darlle forma a este compromiso acadado”, destaca Marisol Morandeira.

Na carta enviada aos domicilios a rexedora lembra que “desde que ADIF contactou comigo, de xeito informal, non dubidei en que o mellor para a veciñanza era coñecer de primeira man os seus plans para Parga” e incide en que “non aceptaremos solucións que sexan perxudiciais para os habitantes de Parga, tanto dende o punto de vista urbanístico como social”.

Sobre o acordo recentemente acadado, Marisol Morandeira explica que “é moi importante polo que significa, xa que así sempre estaremos en posición de negociar co Administrador de Infraestruturas a mellor solución para a vila de Parga. Ademais, desaparece a posibilidade de que, se nos opuxésemos a todos os proxectos, ADIF o executase pola súa conta sen contar nin cos veciños nin co Concello”.

reunion parga adif
0.15063905715942