Convocan as axudas para empresas en concellos da zona de Transición Xusta

TerraChaXa
José Miñones avanza a nova convocatoria de 40M€ en axudas a empresas como impulso á actividade económica nas comarcas das Pontes e Meirama
16 Feb 2023

Este nova oportunidade súmase á recente adxudicación de 12,4 millóns de euros para proxectos sociais, ambientais e culturais en 14 concellos galegos que forman parte destes procesos.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou onte o novo impulso do Goberno de Pedro Sánchez para o emprego e a actividade económica nos 19 concellos que forman parte dos convenios das Pontes e de Meirama, grazas á nova convocatoria de axudas a proxectos empresariais que movilizará 40 millóns de euros no conxunto de España. “Sumamos oportunidades para estes concellos e para a súa poboación no noso compromiso por unha transición verde xusta para estes territorios”, apuntou o delegado.

O delegado detallou a próxima convocatoria de axudas para impulsar proxectos empresariais nas zonas de transición xusta e que ofrecerán 40 millóns de euros a empresas e persoas emprendedoras dos concellos españois que forman parte destes procesos. O Consello de Ministros autorizou na súa reunión de onte ao Instituto para a Transición Xusta (organismo autónomo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) a tramitar esta liña de axudas, paso necesario que anticipa unha apertura inminente da convocatoria.

José Miñones lembrou que as bases destas axudas saíron publicadas no BOE do pasado 16 de decembro polo que todas as persoas interesadas dispoñen da información necesaria sobre condicións destas axudas e o procedemento de solicitude. Ademais, lembrou que o Goberno dispón nas Pontes dunha Oficina de Transición Xusta para asesorar na presentación das solicitudes e acompañar na tramitación das mesmas.

Apoio aos concellos

José Miñones subliñou que esta liña para empresas súmase ao apoio específico que deseñou o Goberno para os gobernos locais dos 19 concellos da Coruña e de Lugo incluídos nas dúas zonas de Galicia afectadas polos procesos de peche de centrais térmicas: Zona de Meirama (concellos de Cerdeda, Ordes, Carral, Tordoia e A Laracha) e Zona das Pontes (As Pontes, A Capela, Xermade, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Vilalba, Cabanas, Ortigueira, Muras e Ferrol). 

Lembrou que a pasada semana o Goberno resolveu as axudas destinadas a proxectos sociais, ambientais e culturais en concellos das zonas de transición xusta. Unha convocatoria que, en Galicia, beneficia, a 14 concellos que poderán levar adiante 17 proxectos de interese pública con 12,4 millóns de euros de investimento estatal.

“Esta lista poderá ampliarse nos vindeiros meses xa que o Goberno va abrir unha nova convocatoria de 25 millóns de euros á que poderán presentarse estes concellos con aqueles proxectos que non entraron nesta resolución”, explicou o delegado. En total, ambas convocatorias mobilizan máis de 116 millóns de euros para o conxunto de España.

Axudas para investimentos e emprego

O obxectivo desta liña de axudas é promover iniciativas concretas de investimento empresarial nas zonas afectadas pola transición enerxética. Con ela búscase xerar actividades económicas alternativas que incentiven a creación de postos de traballo, así como manter os empregos existentes que impulsen un novo desenvolvemento económico nestes territorios.

As axudas outorgadas por este instrumento estarán baseadas en dous compoñentes: o investimento realizado e a creación de emprego. Así mesmo, bonificarase a contratación de persoas rexistradas nas bolsas de traballo do ITJ, co obxectivo de promover a creación de emprego prioritario para traballadores afectados polo peche de minas e centrais. Igualmente, bonificarase a creación de postos de traballo para mulleres, novos, maiores de 45 anos e persoas con discapacidade.

Para optar a estas axudas, os proxectos empresariais deberán ter un investimento mínimo de 100.000 euros e crear polo menos tres postos de traballo.

Valoración de beneficios ambientais e sociais

Para a adxudicación das axudas, valoraranse os beneficios ambientais e sociais dos proxectos, a súa capacidade de xeración de emprego, o seu efecto tractor sobre o territorio, a súa innovación e a súa localización en municipios afectados polo despoboamento, o reto demográfico e o peche de minas de carbón e centrais. As pequenas e medianas empresas tamén contarán con puntuación adicional.

0.067524909973145