Convocan nas Pontes o primeiro concurso de receitas de cogomelos
O Concello das Pontes, no marco das Xornadas Micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos, organiza o 1º Concurso Gastro-Micolóxico de receitas a base de cogomelos, co fin de potenciar a actividade micolóxica e a micofilia entre a poboación.
Elena López, concelleira de Turismo, Consumo, Hostalería e Comercio, destacou que se trata dunha “iniciativa que ten por finalidade promocionar os cogomelos silvestres na gastronomía e impulsar a riqueza da nosa bisbarra, poñendo en valor una alimento natural e moi saudable”.
Haberá dúas categorías de pratos: salgados e doces, podendo presentarse cada persoa a ambas categorías. Se ben, só poderá ser premiada nunha delas. Neste concurso poderá participar calquera persoa afeccionada á cociña que sexa maior de idade, podendo presentar ata un máximo de 3 receitas. Para participar, deberá enviar as súas receitas a base de cogomelos, acompañada dunha fotografía do prato rematado, ao correo electrónico terradecogomelos@gmail.com. O prazo para enviar as receitas remata ás 23:59h do día 30 de novembro de 2022. As receitas presentadas deberán mencionar as especies de cogomelos que se empregaron na súa elaboración, indicándose os ingredientes e as súas cantidades necesarias, así como o proceso de elaboración.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de receitas, o xurado do concurso fará un proceso de valoración e seleccionará as 6 receitas finalistas (3 por cada categoría). Nesta valoración, atenderase a aspectos como a orixinalidade, a presentación, as técnicas empregadas ou o protagonismo dos cogomelos na receita.
As 6 receitas finalistas escollidas polo xurado participarán na fase final do concurso.
Para isto, estas persoas concursantes deberán facer entrega do seu prato de forma presencial o día 3 de decembro para que o xurado poida facer a valoración final e seleccionar as dúas receitas gañadoras (unha para cada categoría). Nesta ocasión, ademais dos aspectos anteriormente mencionados, o xurado fará unha valoración do aroma e do sabor do prato elaborado.
Haberá premios e obsequios para todas as receitas finalistas, e para as gañadoras. A entrega de premios realizarase o propio día 3 de decembro na xornada da fase final do concurso. Así mesmo, a concelleira Elena López avanzou que “se elaborará un receitario no que se incluirán as receitas participantes no concurso, contribuíndo a un maior coñecemento e aproveitamento dos cogomelos, así como ao fomento dunha alimentación saudable”. A concelleira lembrou “que é preciso contar con asesoramento de persoas expertas para a recolla de cogomelos para o seu uso na cociña, e que consumidos correctamente son alimentos moi saudables, xa que son ricos en auga, sen graxa, fibra e con proteínas de alta calidade”.
As bases do concurso poden consultarse no seguinte enlace. Para calquera dúbida ou aclaración, pode contactarse a través das vías habilitadas polo Concello para o desenvolvemento das Xornadas Micolóxicas: mediante o correo electrónico terradecogomelos@gmail.com ou no teléfono 604.047.337.