Convocan o concurso de Entroido virtual das Pontes

TerraChaXa
O concurso organízase nas modalidades de vídeo e fotografía e dentro de cada modalidade haberá 4 categorías.
cartel entroido As Pontes
2 Feb 2021

O concelleiro de cultura, Vicente Roca, sinala que “ tras a boa acollida do concurso de fiestras de Nadal, tanto entre a veciñanza como entre o tecido comercial, decidimos darlle continuidade ao formato e convocar un concurso de disfraces online, respectando todas as medidas sanitarias vixentes para manter viva a tradición do entroido na nosa vila. Ademais, a través desta proposta intentamos axudar ás economías familiares garantindo, ao mesmo tempo, unha inxección económica directa nos establecementos comercias e hostaleiros da vila”

O concurso organízase nas modalidades de vídeo e fotografía e dentro de cada modalidade haberá 4 categorías: xermolos (nenos e nenas de ata 8 anos), nabizas (rapaces e rapazas de ata 12 anos), grelos, (persoas adultas a partir de 13 anos) e mada (unidades familiares integradas por un mínimo de 3 persoas). Dentro das categorías nabizas e grelos, as persoas interesadas en participar poderán facelo na categoría individual ou na categoría parellas conviventes.

Para participar na modalidade de vídeo haberá que gravar un vídeo, nun lugar exterior recoñecible do municipio, dun máximo de 10 segundos de duración ( será válido o uso de apps) onde se aprecie a totalidade do/s disfrace/s e da formación.
No caso de participar na categoría de fotografías será necesario achegar catro imaxes (en formato JPG de peso máximo 5M) do disfrace onde se aprecien todos os perfís do mesmo e nun lugar exterior recoñecible do municipio.

Tanto os vídeos como as fotografías deberán enviarse por WhatsApp ao teléfono 673240434 ou ao correo electrónico turismoaspontes@gmail.com cos datos da persoa inscrita no concurso e os nomes das persoas participantes no caso das parellas e as unidades familiares. Os vídeos e fotografías serán publicadas nas redes sociais do Concello e o prazo límite para envialas será o día 12 de febreiro ás 20:00 horas.

Un xurado profesional será o encargado de valorar os disfraces tendo en conta aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación dos disfraces para premiar ás catro mellores madas con 300€, 250€, 180€ e 110€ respectivamente.

As persoas que participen nas categorías grelos e nabizas optarán a premios, en ambos casos, de 180€, 160€, 140€ na categoría individual e a premios de 280€, 220€ e 180€ no caso de que opten pola categoría de parellas conviventes. Todas as persoas participantes na categoría xermolos recibirán un agasallo. Haberá ademais 10 accésit de 50 euros cada un e o xurado gárdase o dereito a conceder un premio especial ao vídeo máis orixinal e vangardista, premio valorado en 300 euros.

Os nomes das persoas premidas daránse a coñecer o martes 16 de febreiro na páxina web e nas redes sociais do Concello. Os/ as premiados/as serán chamados/as por teléfono para comunicarlles o día de recollida dos vales e terán de prazo ata o 31 de marzo de 2021 para trocalos nos establecementos comerciais e hostaleiros do municipio

As solicitudes de inscrición presentaranse, ata o venres, 12 de febreiro, ás 13:30 horas, no Rexistro Xeral do Concello das Pontes (cita previa nos teléfonos 667129389 / 667129380) , ou a través da sede electrónica (https://sede.aspontes. com) xunto co impreso de inscrición e o documento de cesión de imaxes.

ENTIDADES COLABORADORAS

Todos os establecementos e entidades con domicilio social nas Pontes que desexen ser beneficiarios dos vales entregados ás persoas gañadoras do CONCURSO DE DISFRACES 5.0 – ENTROIDO 2021 deberán presentar a súa solicitude, ata o 15 de febreiro de 2021, no rexistro do Concello de As Pontes (cita previa nos teléfonos 667129389 / 667129380), en horario de atención ó público ou a través da sede electrónica., xunto coa folla de solicitude, o NIF da empresa e a designación da conta bancaria.

0.19243001937866