Convocan para os días 18 e 19 as Xornadas da Terra de Miranda

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Alongaranse ata o 26 de outubro e terán lugar nesta ocasión nas localidades de A Pontenova, Ribeira de Piquín e Riotorto
xornadas-terras-de-miranda
10 Out 2024

As localidades de A Pontenoav, Riotorto e Ribeira de Piquín acollerán este mes unha nova edición das Xornadas da Terra de Miranda, que chegan nesta ocasión á quinta edición.

A convocatoria dos encontros constitúe, globalmente, unha proposta para a análise da situación do medio rural galego na actualidade. Esta análise realízase, por unha parte, desde a óptica especialmente educativa, pero tendo en conta que o que sucede no ámbito da educación non é nada máis que o reflexo dunha realidade global moito máis complexa. Por outra, exemplifícase esta análise nunha comarca ben definida -aínda que non recoñecida administrativamente- que ten sufrido nas últimas décadas unha transformación evidente e que, ao tempo dun progresivo e evidente despoboamento, foi quen de ir vendo nacer no seu seo iniciativas que provocan que non sexa utópico enxergar no horizonte un futuro posible.

A cita estará dividida en tres días. A primeira sesión terá lugar na Pontenova, na casa da cultura, o 18 de outubro. Esta xornada estará centrada na educación, cunha intervención ás 16.15 horas sobre o achegamento da educación ao medio rural.

Ademais, haberá unha mesa redonda sobre experiencias na natureza na que participarán o centro Nerea de Lugo, o CEIP Terra Chá de Vilalba, o IES Enrique Muruais e o Campus Terra. Rematarán a xornada con varias presentacións.

Ao día seguinte a sesión trasladarase á Ribeira de Piquín, onde se centrarán nunha visita durante toda a mañá a este lugar como exemplo de reactivación dun concello rural despoboado. Durante a tarde haberá varios relatorios centrados na xestión do solo e o aproveitamento do monte. A sesión contará cun acto institucional e a proxección e coloquio sobre o programa Cos pés na terra, coa presencia no mesmo do guionista Pepe Coira.

Rematarán as xornadas o 26 de outubro en Riotorto coa presentación, proxección e debate sobre o documental Segadores da Órrea en Terras de Castela, realizado pola asociación veciñal da Órrea.

Ademais dos tres concellos implicados, forman parte da organización os concellos de Trabada e Meira, ademais dos colectivos Nova Escola Galega e Muíño de Barxa.

0.14935398101807