Convocan un concurso nas Pontes sobre o traballo do coidador
O Concello das Pontes, ao abeiro da campaña “Unha EXPERIENCIA DE COIDADO, CORRESPÓNdeche escoller a túa”, posta en marcha con motivo do 8M, lanza un concurso dirixido a toda a veciñanza baixo o nome #EnAsPontesCompartimosCoidados para sensibilizar e dinamizar á poboación en materia de igualdade e visibilizar e poñer en valor o traballo de coidados.
Trátase dunha actividade para eliminar roles e estereotipos de xénero tradicionais que atribúen a mulleres e homes tarefas e funcións diferentes no ámbito familiar.
Poderán participar neste concurso todas as persoas maiores de idade para o que terán que colocar nun lugar visible das fiestras do seu domicilio un cartel impreso ou feito á man que conteña o slogan: #EnAsPontesCompartimosCoidados.
Ademais deberán realizar unha publicación na súa conta persoal de Facebook ou Instagram con dúas fotografías: unha na que se vexa o cartel e outra na que dea conta de que practica a corresponsabilidade e comparte os coidados no seu fogar, coa etiqueta @ConcelloAsPontes e incluíndo o cancelo #EnAsPontesCompartimosCoidados. Para participar, é preciso enviar as fotografías por whatsapp ao número 604 025 160 indicando o nome completo e teléfono de contacto.
As persoas que participen entrarán nun sorteo de 8 vales valorados en 50 euros cada un para gastar no comercio local. O prazo para participar estará aberto entre o 30 de marzo e o 25 de maio, realizándose o sorteo de 2 vales cada 15 días. Estes serán nominativos, de xeito que cada persoa poderá obter un único premio.
O resultado dos sorteos publicaranse nas redes sociais e na web do Concello e as persoas gañadoras serán contactadas telefonicamente tras cada sorteo para proceder á recollida do vale.
As bases completas deste concurso pódense consultar na páxina web do Concello e nos distintos establecementos comerciais que colaboran coa iniciativa.