Convocan unha nova edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba
O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ convocaron a III edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba, iniciativa deseñada co fin de poñer en valor este monumento histórico, promover a súa conservación e, asemade, fomentar a creatividade e estimular a creación poética.
Poderán concorrer ao certame todos os autores que o desexen, calquera que sexa a súa finalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.
A organización deste certame estableceu dúas categorías, para menores de 18 e para maiores desta idade con dous gañadores en cada un dos grupos. O gañador maior de 18 anos recibirá 1.500 euros de premio e a publicación da obra. Por outra banda, o gañador infantil recibirá un lote de libros e unha tablet e o subcampión terá de premio un libro electrónico.
As bases contemplan para os maiores un límite de entre 300 e 600 versos e para os pequenos o límite estará nos 60 versos. Para todos os interesados en presentar propostas, o prazo estará aberto ata o 3 de outubro e xa poden participar a través de http://www.concellodecospeito.es/caldaloba-poesia/. Os requisitos para valorar as obras serán que estean en galego e escritas a ordenador e que sexan orixinais mentres que a temática é totalmente libre.
A entrega pode facerse por correo ordinario, no Concello de Cospeito sito en avenida Terra Chá n°29, Feira do Monte, 27377, Cospeito, Lugo; ou por sede electrónica.
O prazo para presentar propostas péchase o 4 de outubro e o fallo do xurado farase público o 29 de novembro. A entrega de premios está prevista para o 14 de decembro no local social de Pino.
As tres entidades convocadoras alédanse de poñer en marcha esta terceira edición dun certame poético que comeza a expandir as súas pólas dentro da árbore literaria galega.
Agardan que, a pesar da pandemia causada pola Covid-19, a participación siga mantendo os niveis cuantitativos e, sobre todo, cualitativos das dúas edicións precedentes. Do mesmo xeito que, tendo en conta o proceso de recesión económica que vai provocar a crise sanitaria do coronavirus, desexan apostar pola reivindicación da cultura, neste caso da literatura, na súa vertente de creación poética; e que non sexa, como sempre acontece, un dos sectores damnificados por culpa do proceso de excepcionalidade que se está a vivir en todo o mundo.