Convocan unha nova edición do programa que promove o silvopastoreo preventivo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Mónica Freire presentou a terceira edición de “O que non arde”, que promove o silvopastoreo preventivo con gando ovino, cabrún e porcino
o que non arde programa silvopastoreo
22 Out 2022

Medio Rural da Deputación financiará a compra e mantemento de peches e outros sistemas de rotación e manexo do gando no monte, para incentivar o pastoreo.

Mónica Freire presentou a terceira edición do programa de prevención de incendios e apoio á xestión integral do monte O que non arde, que impulsa a área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

Na anualidade 2022, a convocatoria, aprobada este venres en Xunta de Goberno, céntrase na promoción do silvopastoreo en gandeirías de ovino, cabrún e porcino para reducir os niveis de biomasa que actúan como combustible para os lumes forestais. A través do programa, Medio Rural financiará investimentos relacionados co pastoreo en extensivo en zonas forestais e agrícolas.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 60.000 euros, artículase en dous eixos. O primeiro diríxese a titulares de gandeirías e financia a adquisición ou mantemento de peches para xestionar o manexo e protexer o gando da fauna salvaxe, como pastores eléctricos ou valados de diferentes tipoloxías, así  como os gastos técnicos de deseño e construción doutros sistemas innovadores para o aproveitamento multifuncional do monte e a convivencia do gando coa fauna salvaxe. O segundo diríxese a asociacións gandeiras e federacións de produtores que fomenten, o silvopastoreo  mediante a formación e o asesoramento técnico.

Mónica Freire explicou que “os lumes deste verán puxeron de manifesto unha vez máis  que os incendios forestais son unha das problemáticas centrais do rural galego e que a resposta ten que darse necesariamente desde a prevención”. “Desde a área de Medio Rural apostamos por esta vía desde o inicio do mandado poñendo en marcha este programa co que seguimos dando apoio aos gandeiros e gandeiras que apostan polo pastoreo e colaboran así na limpeza e na defensa dos montes contra os lumes”, expuxo a responsábel provincial, que repasou as tres edicións do plan para sinalar que “a través das distintas convocatorias de O que non arde tratamos de implicar nesa tarefa preventiva a concellos, comunidades de montes veciñais en man común e gandeiros e gandeiras a título individual, xa que somos conscientes da importancia de actuarmos de forma coordinada”, apuntou.

As bases da convocatoria aprobáronse este venres en Xunta de Goberno e publicaranse a vindeira semana no BOP. A partir desa data de publicación, as persoas e entidades interesadas terán 20 días hábiles para solicitar as axudas.

Terceira edición 

O que non arde é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.

Na pasada edición, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, logrando o mantemento e limpeza de 313 hectáreas de monte en terreos de faixas de protección contra os lumes e na súa contorna.

0.16421985626221