Convocan unha nova escola de baile deportivo e de salón en Abadín

O Salón de Actos do Concello de Abadín acollerá unha nova proposta de lecer e exercicio coa chegada da Hover Cross Escola de Baile. A iniciativa inclúe clases de baile deportivo e de salón todos os venres, en horario de 17:00 a 18:30 horas, cun total de 12 sesións ao longo de tres meses, correspondentes ao primeiro trimestre. O prezo por persoa será de 60 euros e será necesario un mínimo de dez parellas para dar inicio ao curso.
As clases, impartidas por profesorado titulado, ofrecerán unha ampla variedade de estilos, entre os que se inclúen merengue, bachata, vals vienés, fox trot, cumbia e salsa. Trátase dunha oportunidade para aprender novas disciplinas de baile, gozar dunha actividade lúdica e ao mesmo tempo practicar exercicio en boa compañía.
As persoas interesadas poden inscribirse e obter máis información no propio Concello de Abadín, a través do teléfono 982 50 80 21. Desde a organización animan á veciñanza a participar nesta proposta que combina diversión, deporte e socialización.