Convocan unha reunión en Xermade para a constitución da comunidade enerxética

TerraChaXa
Esta terá lugar na Aula de Sotavento e nela farase unha exposición do proxecto piloto CEL-Rural
lámpadas-iluminación
Iluminación
27 Xul 2024

A veciñanza de Xermade está citada este martes, 30 de xullo, ás 20.00 horas, a unha reunión informativa para a constitución da comunidade enerxética local.

Esta terá lugar na Aula de Sotavento e nela farase unha exposición do proxecto piloto CEL-Rural. As persoas que desexen participar poden inscribirse no Concello de Xermade, no 982 501 001.

A Secretaría Xeral da Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) comunicou ao Concello de Xermade que a Xunta de Voceiros acordou seleccionalo como concello piloto do proxecto CEL Rural, para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética rural.

Nunha primeira fase a Fegamp convidou aos 240 concellos cualificados como zonas pouco poboadas a presentar a súa candidatura. Foron presentadas 32 candidaturas. O 19 de abril a Fegamp acorda preseleccionar a 12 concellos, atendendo ás puntuacións acadadas nos criterios de selección, aos que se lles solicitou documentación xustificativa a fin de axustar as puntuacións iniciais. O Concello de Xermade acadou a puntuación máis alta (200 puntos) e resultou o máis adecuado para implementar o proxecto piloto.

O Concello de Xermade está traballando na creación dunha Comunidade Enerxética Local (CEL) dende primeiros deste ano, e a tal fin solicitou a liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para este fin. A concesión provisional das axudas foi notificada o 7 de maio, sendo a data límite para a constitución da CEL o 30 de setembro de 2024.

0.15408802032471