Xermade convoca as axudas municipais por nacemento de fillos
O Concello de Xermade vén de convocar unha nova edición das axudas municipais a familias polo nacemento de fillos no 2018.
Estas axudas establen unha subvención de 600 euros por neno nacido no Concello entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro do ano 2018, sempre que se solicite polos proxenitores e se acredite un empadroamento dun destes no Concello dende o 1 de xaneiro de 2018, debendo o nacido permanecer inscrito no padrón polo prazo mínimo de dous (2) anos, dando lugar en caso contrario ó reintegro da subvención.
A dotación orzamentaria para este capítulo é de 7.200 euros. O gasto derivado das subvencións outorgadas por actuacións recollidas neste apartado imputarase á partida 231.480 do Orzamento Xeral do Concello de Xermade para o ano 2018.
No caso de que quedaren sen atender subvencións por nenos nacidos no exercicio anterior por falta de crédito orzamentario, atenderase prioritariamente ás mesmas sempre que cumpran os mesmos requisitos referidos ao exercicio anterior. Atenderase á subvención por orde de data de nacemento. Os nacidos en decembro de 2018 terán prioridade no outorgamento de subvencións no vindeiro exercicio.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro do ano en curso no Rexistro Xeral do Concello de Xermade.