Corenta e cinco praias galegas acollerán unha campaña para evitar que os bañistas leven marisco
Corenta e cinco areais galegos acollerán a campaña de concienciación Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, que se prolongará ata o 31 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas.
A titular do Mar, Rosa Quintana, explicou que esta iniciativa de sensibilización dá continuidade á realizada o verán pasado en 35 areais de 21 concellos e que este ano se repite e amplía co obxectivo de chegar a máis lugares. Estará presente en dez praias máis e 14 concellos máis en relación ao ano pasado coa finalidade de seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.
Nesta liña, Rosa Quintana fixo fincapé na importancia de loitar xuntos contra a problemática do furtivismo de bañador, pór en valor o labor dos mariscadores e mariscadoras profesionais e facer un chamamento á responsabilidade de cada bañista.
A este traballo de concienciación súmase o que desenvolven o Servizo de Gardacostas de Galicia e cos corpos e forzas de seguridade do Estado. No caso do Servizo de Gardacostas a titular de Mar explicou que cada verán realiza unha media de máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado.
Neste sentido, puxo de relevo que o furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos. Tamén é un problema medioambiental, porque supón un prexuízo para o ecosistema, e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.
As accións que inclúe a iniciativa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes labores que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións relativas aos talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico nas actividades desta campaña.