Corgos participa en Guitiriz nunha xornada da iniciativa Girl Steam

TerraChaXa
Os obradoiros, dirixidos a escolares de 8 a 15 anos, promoven o talento no ámbito das TIC e buscan espertar vocacións tecno-científicas, sobre todo entre as nenas
aula-cemit-girl-steam
4 sep 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu hoxe a benvida ás alumnas e alumnos do obradoiro Girl STEAM da aula CeMIT de Guitiriz organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). Miguel Corgos sinalou que o obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas.

O conselleiro de Facenda, que estivo acompañado do director da Amtega, Julián Cerviño, e do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o papel desta iniciativa para superar a fenda de xénero no sector TIC e puxo en valor outras iniciativas que se canalizan a través das aulas CeMIT, unha rede creada en colaboración coa Fegamp na que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero centrándose, de xeito prioritario, nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á tecnoloxía.

Deste xeito, impúlsase a tecnoloxía no rural para contribuír a que a maioría da poboación se desenvolva nos ámbitos dixitais, o que lles permite realizar trámites coa administración sen desprazamentos, acceder a todo tipo de contidos e información e manexar diferentes dispositivos.

Contidos dos obradoiros Girl STEAM

O ciclo de obradoiros Girl STEAM está celebrándose en 18 aulas CeMIT de toda Galicia desde o pasado mes de xullo, dirixido a escolares de 8 a 15 anos cun aforo máximo de 15 persoas por quenda e teñen un carácter práctico e presencial. Cada un dos concellos participantes na iniciativa conta con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para nenas de 8-11 anos e outra para rapazas de idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos.

Nos obradoiros achégase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenden a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúan traballando coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.

O conselleiro de Facenda e Administración pública concluíu a súa intervención confirmando que o vindeiro ano impulsarase desde a Xunta de Galicia unha nova edición destas xornadas Girl STEAM.

0.16392707824707