Cospeito abrirá as celebracións de Entroido na comarca o venres 9
Cospeito volverá contar este ano co Entroido e o seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o venres 9 de febreiro no pavillón dos deportes da localidade, organizado pola asociación de mulleres rurais Cousas Nosas e o Concello.
Haberá dous concursos, un infantil, que terá lugar ás 17.00 horas, para menores de 16 anos, e outro de adultos, a partir das 23.00 horas. En ambos os dous casos haberá tres categorías, individual, parellas e comparsas con tres premios para cada unha. No caso dos pequenos, os gañadores recibirán entre 30 e 15 euros na categoría individual, entre 50 e 20 para parellas e de 100 a 40 para comparsas. Ademais haberá un premio local con 80 euros.
Nesta festa infantil realizarse tamén a inscrición e haberá chocolate con churros.
A partir das 22.00 horas será o momento da inscrición para o concurso de adultos. Mentres dure este proceso e antes do desfile, previsto para as 23.00 horas, actuará o dúo D'Caché Music. Os premios oscilarán entre os 90 e os 50 euros na categoría individual, 130 e 80 para parellas e de 240 a 120 euros para comparsas. Tamén haberá outro premio especial de 120 euros.
Durante a festa infantil tamén haberá animación musical e pola noite sortearase unha cesta típica do Entroido.