Cospeito acolle un curso de defensa persoal feminina o próximo día 26

TerraChaXa
De carácter gratuíto, celebrarase en dúas edicións: pola mañá en Muimenta, de 10:00 a 14:00 horas, e pola tarde en Feira do Monte, de 16:00 a 20:00 horas
defensa-persoal-cospeito
9 Sep 2025

O Concello de Cospeito organiza o vindeiro 26 de setembro un curso de defensa persoal feminina, unha iniciativa que busca dotar ás participantes de ferramentas útiles para afrontar situacións de risco e reforzar a súa seguridade en todos os ámbitos da vida.

O curso, de carácter gratuíto, celebrarase en dúas edicións: pola mañá en Muimenta, de 10:00 a 14:00 horas, e pola tarde en Feira do Monte, de 16:00 a 20:00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de setembro, e as mulleres interesadas, sen límite de idade, poden apuntarse a través do correo electrónico igualdadecospeito@gmail.com, do teléfono 982 520 001, na Mercería Teresa de Muimenta ou chamando ao 661 27 06 98.

A formación combina unha parte teórica e outra práctica para garantir un aprendizaxe dinámico. Na sección teórica abordaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor, así como aspectos do código penal. O obxectivo é que as mulleres dispoñan de recursos suficientes para reaccionar con confianza e seren capaces de aplicar medidas de autoprotección.

A nivel práctico, traballarase o control das cinco claves fundamentais: respiración, observación, valoración, estratexia e técnica. Ademais, incidirase na prevención de situacións de risco para evitar confrontacións físicas. No caso de que estas resulten inevitables, ensinaranse técnicas de defensa ante diferentes tipos de agresións, incluídos agarres ou ataques con arma branca.

A actividade está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero da que forma parte o Concello de Cospeito. A organización corre a cargo do propio concello, coa colaboración da Asociación Aquilino Iglesia Alvariño de Muimenta e da Asociación de Mulleres Rurais Cousas Nosas.

⚙ Configurar cookies
0.12935614585876