Cospeito acolle unha charla sobre o valor terapéutico da horta a cargo de Nuska Chousa

O Concello de Cospeito, a través do seu departamento de Servizos Sociais, organiza unha nova actividade baixo o título Sementando Benestar, centrada na horta como ferramenta de terapia natural. A cita será o venres 27 de xuño a partir das 17:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Feira do Monte, en Cospeito.
A charla estará a cargo de Nuska Chousa, quen abordará cuestións como o poder terapéutico de cultivar para o benestar físico e mental, a revalorización dunha alimentación libre de tóxicos ou o recoñecemento das plantas medicinais como aliadas da saúde feminina.
Baixo a idea de que “as mulleres foron tradicionalmente as gardianas dos saberes e das plantas”, o encontro pretende promover o coñecemento e o uso consciente dos recursos naturais como camiño de benestar integral. A actividade conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.