Cospeito: Castosa amplía a maioría
O popular Armando Castosa creceu nesta lexislatura sumando un concelleiro aproveitando a desaparición do BNG da corporación. O PSOE sobe en votos.
CONCELLEIROS ELECTOS
◆ Armando Castosa Alvariño (PP)
◆ Natividad Miguélez Castro (PP)
◆ Fernando Carreiras González (PP)
◆ Iván Méndez Flores (PP)
◆ María Elena Veiga Castro (PP)
◆ María José Paredes Yáñez (PP)
◆ José Veiga Fernández (PP)
◆ Daniel Irimia Yáñez (PSOE)
◆ María González Castro (PSOE)
◆ Pablo Alvariño Vázquez (PSOE)
◆ Beatriz Díaz Pérez (PSOE)
O gran beneficiado destas eleccións en Cospeito volveu ser o PP, que malia que reduce a porcentaxe de votos suma un concelleiro máis e amplía unha maioría absoluta que viña decrecendo nas anteriores citas electorais.
De feito, en números absolutos o PP perdeu votos, pasou de 1.671 a 1.521, pero mantén a porcentaxe case intacta (55%).
O alcalde Armando Castosa mantén deste xeito a Alcaldía de Cospeito, que atesora desde 1991.
Este concello de profunda tradición popular, rexistrou un novo incremento do voto de cara ao PSOE, que pasou de 963 a 995 votos, do 32,2% ao 36% pero que non logrou aumentar a súa representación, que se mantén estable en 4, os mesmos que tiña no 2019.
O PSOE estreaba candidato, Daniel Irimia, que irrompeu forte no concello en substitución de Rosa Morán, e fixo unha intensa campaña na que non obtivo os resultados esperados pero si un crecemento que non acabou en aumento de concelleiros como esperaba.
O gran damnificado foi o nacionalista Afonso Olegario Aguiar, que se presentaba polo BNG por primeira vez como cabeza de lista e que non acadou os sufraxios suficientes para sumar un concelleiro, a mesma representación que tiña este partido. Caeu desde os 311 votos aos 202, ou o que é o mesmo, do 10,42 ao 7,32%.
Armando Castosa volverá gobernar en solitario e sen problemas Cospeito na que será a súa novena lexislatura.
O cabeza de lista dos populares cospeiteses márcase esta nova lexislatura como obxectivo “seguir traballando desde a humildade, escoitando a todos e así dar continuidade a un goberno de maiorías, ampliando o noso proxecto político para continuar gobernando o municipio con estabilidade e puxanza”, adiantou Castosa durante a campaña.