Cospeito continuará o 21 a programación de Nadal que comezou esta fin de semana

TerraChaXa
O 21 será a Papanoelada Motera, durante a cal Papá Noel recollerá as cartas na súa casa entre as 11.30 e as 13.30 horas, nunha xornada con animación musical e chocolatada con roscón
nadal-cospeito
16 Dec 2025

O Concello de Cospeito iniciou esta fin de semana a programación do LecerNadal 2025, unha completa axenda de actividades que se desenvolverá ata o 5 de xaneiro, pensada para dinamizar o municipio durante as festas e ofrecer propostas de lecer para todos os públicos.

O calendario arrancou o 11 de decembro co tradicional acendido do alumeado de Nadal, acto que marcou o inicio oficial das celebracións e que incluíu tamén a apertura da Casa de Papá Noel. Ao día seguinte, o 12 de decembro, celebrouse o III Festival Benéfico Asubiíños da Chaira, ás 20.00 horas no CPI Virxe do Monte, unha cita solidaria xa consolidada no Nadal cospeitense.

A programación continuou o 13 de decembro coa celebración do VII Certame Literario Torre de Caldaloba, cuxa presentación dos libros gañadores tivo lugar ás 12.00 horas no Museo das Aves.

O 21 de decembro retomarase a programación coa quenda da Papanoelada Motera, durante a cal Papá Noel recollerá as cartas na súa casa entre as 11.30 e as 13.30 horas, nunha xornada con animación musical e chocolatada con roscón.

Xa tras o Nadal, o 26 de decembro celebrarase un bingo en Muimenta ás 18.00 horas na Casa da Cultura, mentres que o 30 de decembro terá lugar outro bingo na Casa da Cultura da Feira do Monte, tamén ás 18.00 horas. O novo ano comezará o 2 de xaneiro cunha saída a XuvenLugo, de 9.00 a 14.00 horas, con prazas limitadas e inscricións dirixidas ao alumnado do CPI Plurilingüe Virxe do Monte e do CEIP Plurilingüe de Muimenta.

O 3 de xaneiro celebrarase o Concerto de Nadal na Casa da Cultura da Feira do Monte, ás 20.00 horas, cun festival de corais que porá a nota musical ás festas. A programación pecharase o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que sairá ás 17.00 horas desde a Casa da Cultura da Feira do Monte e percorrerá as rúas con animación en vivo, inchables e reparto de chocolate con churros.

O LecerNadal 2025 está organizado polo Concello de Cospeito e conta coa colaboración da Asociación Mulleres Rurais Cousas Nosas e da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, co obxectivo de ofrecer un Nadal participativo, cheo de actividade e pensado para toda a veciñanza.

programa-nadal-cospeito
⚙ Configurar cookies
0.07929801940918