Cospeito entregou os premios do concurso de imaxes contra a violencia de xénero

TerraChaXa
O primeiro premio, dotado con 120 euros, foi para Icía Prado Gutiérrez
entrega-de-premios-violencia-de-xenero-cospeito
19 Dec 2025

O Concello de Cospeito acolleu o acto de entrega de premios da cuarta edición do Concurso de Imaxes contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa organizada con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O certame enmárcase baixo o lema Cospeito libre de violencias sexistas e ten como obxectivo promover a sensibilización e a reflexión social arredor desta problemática.

O primeiro premio, dotado con 120 euros, foi para Icía Prado Gutiérrez, que recolleu o galardón da man do alcalde de Cospeito, Armando Castosa. Ademais, todas as persoas participantes recibiron agasallos personalizados en recoñecemento á súa implicación e compromiso coa causa.

O concurso estivo aberto a toda a cidadanía e buscaba fomentar a creación artística como ferramenta para visibilizar o machismo, os micromachismos e as distintas formas de violencia de xénero. As persoas participantes presentaron debuxos ou fotografías en formato dixital ou escaneado, acompañados dunha mensaxe ou lema relacionado coa temática.

As imaxes participantes publicáronse na páxina de Facebook do Concello de Cospeito, onde o resultado obtívose en función dos “gústames” recibidos. O resto das persoas participantes recibiron un agasallo como recoñecemento á súa colaboración.

O xurado do certame estivo integrado pola traballadora social, o alcalde-presidente, o concelleiro de Servizos Sociais e a concelleira de Igualdade.

⚙ Configurar cookies
0.075311183929443