Cospeito intégrase no Servizo de Atención Temperá de Castro e Outeiro de Rei
Botou a andar en Cospeito o servizo de Atención Temperá que xa estaba en funcionamento para a agrupación de concellos formada por Outeiro de Rei e Castro de Rei e ao que pasa a integrarse o cospeités ata o mes e outubro de 2024.
A unidade de atención temperá presta os seus servizos a poboación infantil de 0 a 6 anos con transtornos no desenvolvemento ou en situación de risco de padecelos, así como aos seus familiares e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores e facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e a inclusión social das persoas beneficiarias do programa. Todo isto abordarase mediante unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións ou habilidades da poboación infantil destinataria.
Esta unidade, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, está formada actualmente por tres profesionais (logopeda, psicóloga e terapeuta ocupacional) que intervirán de forma interdisciplinar e transdisciplinar en coordinación co Servizo de Pediatría do Sergas que será dende onde se deriven os menores ao programa.
O servizo está centralizado na Casa da Cultura de Outeiro de Rei cun horario de atención ao público de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas. Pero, a prestación do servizo de atención temperá ten un horario máis amplo. Os luns atenden de 10:00 a 14:00 e de 14:30 a 18:30 h, os martes e mércores de 10:00 a 14:30 e de 17:00 a 19:30 horas, os xoves de 10:00 a 19:30 e os venres de 10:00 a 14:00 e de 14:30 a 18:30 horas.
Trátase dun servizo gratuíto da agrupación de concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito, cofinanciado pola Unión Europea: Programa Operativo FSE Galicia 2021-2027. As familias que precisen información poderán dirixirse á Casa da Cultura, 1º andar. Ctra. N-VI, s/n. 27150 Outeiro de Rei, ao teléfono 982 393 408 ou no correo electrónico atenciontempera@concellodeouteiroderei.gal.