Cospeito organiza un obradoiro de risoterapia para mulleres o 13 de marzo en Feira do Monte

TerraChaXa
O taller terá carácter participativo e combinará movemento, xogos e técnicas de relaxación co obxectivo de reducir o estrés e a carga mental das mulleres participantes
risoterapia
9 Mar 2026

O Concello de Cospeito continúa coa programación de actividades arredor do 8M, Día Internacional da Muller, coa organización dun obradoiro de risoterapia dirixido especificamente a mulleres. A sesión celebrarase o venres 13 de marzo de 2026, en horario de 18.00 a 19.30 horas, na parte baixa da antiga Cámara Agraria de Feira do Monte.

O taller terá carácter participativo e combinará movemento, xogos e técnicas de relaxación co obxectivo de reducir o estrés e a carga mental das mulleres participantes. Ademais, a iniciativa busca fomentar vínculos e apoio mutuo entre as asistentes, promovendo a sororidade, así como mellorar a autoestima a través da linguaxe corporal e da alegría compartida baixo o lema “A risa que nos libera”.

As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 12 de marzo. As interesadas deberán facilitar o seu nome, apelidos e teléfono de contacto a través do correo electrónico servizosociais@concellodecospeito.es ou chamando ao número 982 520 001.

A actividade está organizada polo Concello de Cospeito e conta co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

0.12142705917358