Cospeito premia aos mellores exemplares na vixésimo novena edición da Feira do porco da ceba
Cada último sábado do mes de novembro dende fai 29 anos, Cospeito celebra a Feira do Porco da Ceba. Así, o 25 celebrarase no recinto feiral da Feira do Monte baixo unha carpa esta xa consolidada cita que se complementa co sorteo dunha parella de porquiños, a degustación de produtos típicos do porco e premios aos mellores exemplares da feira e agasallos para os gandeiros participantes.
O recinto feiral abrirase ás oito da mañá e cara ás nove e media darán comezo as actividades deportivas e ás dez da mañá, a actuación folclórica a cargo dun grupo de gaitas para deixar paso cara ás once da mañá á apertura de stands para a degustación dos produtos do porco que se estenderá aos restaurantes da zona "que ofrecerán receitas prácticamente relacionadas íntegramente coa carne de porco", segundo avanza o rexedor local, Armando Castosa.
Tamén se sorteará unha cesta de Nadal despois da entrega de premios do concurso prevista para a unha do mediodía. Nese caso, poderanse presentar exemplares de porcos de calquera raza debidamente chapeados sempre que os propietarios sexan da provincia de Lugo. Cada exemplar concursa por separado, pero o mesmo propietario non recibirá máis dun premio segundo o criterio técnico de tres facultativos.
Ao mesmo tempo, os produtores aproveitan a cita para realizar transaccións comerciais.
Castosa explica que “un dos obxectivos que se perseguen con esta feira é que Cospeito non perda as señas de identidade que tivo sempre en relación coas feiras de todo tipo e a gran tradición das mensuais". E outro é o de "render homenaxe a un animal que non está valorado na súa xusta medida; pero que, durante moitos anos, serviu de sustento a moitas familias cando había máis necesidades que hai hoxe e que aínda agora alimenta moitas casas da contorna". Ademais, "como acostuma dicirse: é un animal do que se aproveita dende a punta do fuciño ata a punta do rabo. Del ata os andares”.
O alcalde recordaba durante a presentación desta edición, na que tamén participaba o concelleiro Daniel Paz e como membro da organización Jesús Novo que "esta é unha feira con futuro" e o vindeiro ano se celebrará o trixésimo aniversario "tentaremos darlle un impulso relacionado co apartado gastronómico do tipo da Semana do Cocido ou ofrecer algunha demostración con recoñecidos participantes de concursos de cociña". E, por outra banda, propón tamén o rexedor levar actividades aos centros de ensino a través de concurso de debuxo ou fotografía, etc. Todo isto contribuirá, segundo Armando Castosa, a "poñer en valor a actividade económica relacionada co sector primario e o propio nome do municipio".
Premios
O primeiro premio -doado por Piensos Biona e os seus distribuidores para Cospeito Álvaro Castosa e Manuel Fernández Braña- ascende a 180 euros; o segundo, de 150 euros, foi doado por Zoogando Comercial Veterinaria; o terceiro, de 120 euros, por Piensos Pascual e o seu distribuidor en Vilalba Produtos Agrícolas O Santo; e o cuarto, de 90 euros, é doado por Grupo Ogalco (A Campiña).
Os seguintes premios seis premios de 40 euros cada un son doados polos bares da localidade: Café Bar Bautista, Café Bar Yáñez, Cafetería Pizzería Rozas, Café Bar O Xugo, Casa Paca, Cafetería Casa da Cultura, cervecería A Goleta, Bar Mirador Terra Chá e Mesón Verial.
O alcalde agradece a colaboración das casas comerciais e dos restaurantes do pobo "porque desta forma queda integrada na cita tamén a sociedade civil".
Teatro
A Asociación Cultural "Os Baluros" representará a peza teatral "O menciñeiro á forza" a partir das seis e media da tarde na Casa da Cultura.