Cospeito prepárase para abrir o Museo da Auga no antigo depósito de A Feira do Monte

O Concello de Cospeito está a piques de rematar as obras que porán en marca un novo Museo da Auga no antigo depósito de A Feira do Monte, unha iniciativa coa que se pretendía recuperar unha infraestrutura en desuso e transformala nun espazo divulgativo e educativo vencellado á xestión da auga potable. O proxecto permitirá achegar á veciñanza e ás persoas visitantes información sobre o ciclo da auga, desde a súa captación ata o consumo, ao tempo que se incorpora un novo atractivo turístico á capital municipal.
Os traballos de acondicionamento do inmoble atópanse practicamente rematados, á espera de pequenos detalles finais, polo que a inauguración podería producirse proximamente. Trátase dun proxecto cun marcado carácter pedagóxico, pensado para dar a coñecer a importancia da auga e fomentar un uso responsable deste recurso esencial, especialmente nun concello cunha forte vinculación ao medio natural.
A actuación contou co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, que colaborou no financiamento dunha intervención que permitiu adaptar o antigo depósito como centro de interpretación. Entre os traballos realizados inclúese a restauración do edificio, a mellora do seu exterior e a adecuación do interior para facilitar a visita, cunha pasarela de madeira situada a certa altura desde a que se pode observar o interior do depósito e a lámina de auga que aínda se conserva no fondo, cunha capacidade aproximada de 150.000 litros.
Ademais, o inmoble foi dotado dunha cuberta transparente que permite a entrada de luz natural, así como dunha nova iluminación ornamental. Tamén se habilitou un novo acceso que facilita a entrada á pasarela, mantendo elementos orixinais da construción, e acondicionouse a contorna cunha zona axardinada, un camiño de acceso e un peche perimetral de madeira.
Desde o Concello destacan tamén a localización estratéxica deste novo equipamento, situado nunha área próxima a outros puntos de interese como o parque periurbano, o miradoiro, o colexio, a escola infantil, o campo da feira ou a igrexa, o que reforza o seu potencial como recurso turístico e educativo. A intención do goberno local é que o Museo da Auga estea a disposición tanto do público en xeral como dos centros educativos, consolidándose como un espazo para a divulgación ambiental e a posta en valor do patrimonio municipal.