Cospeito reforza o seu apoio á MOEXMU 2026 cunha achega de 6.000 euros

TerraChaXa
O Concello e a organización coordinan os traballos no recinto feiral de Muimenta para a cita dos días 10, 11 e 12 de abril
reunión-Concello-de-Cospeito-XLII-MOEXMU
21 Mar 2026

O Concello de Cospeito acolleu unha reunión de traballo entre o alcalde, Armando Castosa, o concelleiro Fernando Carreiras e representantes da comisión organizadora da XLII MOEXMU —Avelino García, Daniel Novo e Montse Santiso— xunto co xerente do evento, José Manuel Rus, co obxectivo de coordinar a colaboración municipal na organización da mostra, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril.

No encontro confirmouse que o Concello manterá a achega nominativa de 6.000 euros, consolidando o incremento aplicado na edición anterior, cando a contribución municipal aumentou nun 20 %, pasando de cinco a seis mil euros, o que evidencia o compromiso da Administración local coa continuidade e fortalecemento do evento.

Ademais, acordouse que o persoal municipal, en coordinación coa organización, iniciará a partir do 23 de marzo os traballos de acondicionamento do Recinto Feiral “Manuel Vila López” de Muimenta. As actuacións centraranse especialmente no pavillón que acollerá o Concurso de Gando da MOEXMU e o XXXIV Concurso Autonómico de Gando.

Durante a reunión tamén se abordaron posibles melloras nas instalacións do recinto feiral, que se prevén executar unha vez rematada a edición deste ano, co fin de seguir modernizando o espazo e optimizar o seu uso en futuras citas.

Como vén sendo habitual, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, será o encargado de clausurar a feira o domingo 12 de abril, tras a entrega de premios do concurso de gando.

Nos próximos días, a comisión organizadora continuará coa rolda de contactos institucionais, mantendo reunións coa Deputación Provincial de Lugo, coa Xunta de Galicia e con outros colaboradores para garantir o éxito dunha nova edición da MOEXMU.

Por outra banda, permanece aberto o prazo de inscrición para o VIII Monográfico de Can de Palleiro, que se celebrará na tarde do domingo 12 de abril dentro do programa de actividades no recinto feiral de Muimenta. Este certame será puntuable para o XXXV Trofeo de Can de Palleiro do Ano 2026 en Galicia.

0.12129807472229