Cospeito será o epicentro da cetrería esta fin de semana
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este martes na praza de San Marcos o XXI Campionato Galego de Cetrería que terá lugar do 25 ao 27 de outubro no municipio de Cospeito e no que participarán preto de 50 aves chegadas de diferentes puntos de Galicia, Cantabria e Asturias. No acto de presentación, ao que tamén asistiron alumnos e alumnas do Colexio Quiroga Ballesteros, o presidente da Asociación Galega de Cetrería, Francisco González, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, entre outras autoridades, os asistentes puideron desfrutar dunha exhibición de aves, así como da correspondente explicación e características de cada unha delas.
Durante a presentación, Pablo Rivera avanzou que “a cetrería é unha arte ancestral que data do século V e foi recoñecido pola Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade no ano 2010” e subliñou que “desde a institución provincial colaboramos con esta cita, que reunirá aos mellores profesionais desta disciplina, cunha achega económica de 2.000 euros. Trátase dun evento que atrae a numerosos veciños e visitantes o que contribúe de xeito directo á dinamización da economía non só desta localidade, senón de todo o conxunto da provincia”.
A programación da vixésimo primeira edición desta cita inclúe cinco modalidades de competición: altanería, pequenas aves, baixo voo azor, baixo voo harris e man por man. Arrincará o venres, 25 de outubro, ás 21:00 horas co sorteo de voos no museo das aves en Cospeito. O sábado 26 de outubro ás 9:00 horas comezarán os torneos, e pola noite, os participantes poderán desfrutar dunha cena de confraternidade e dunha conferencia a cargo do cetreiro de renome internacional, Santiago Camarena. Xa na última xornada do campionato, o domingo 27 de outubro, realizaranse os voos finalistas e a entrega de premios aos galardoados.
Rivera Capón convidou a toda a cidadanía a achegarse a Cospeito “durante esta fin de semana” e agradeceu o esforzo e o labor da Sociedade Galega de Cetrería e da Federación Galega de Caza “por organizar un ano máis este evento”. Ademais, o Deputado Provincial finalizou a súa intervención agradecéndolles que “escolleran un municipio da nosa provincia para celebralo”.