Cospeito xa forma parte como pioneiro da Rede galega de parques sen fume
Cospeito acolleu onte o acto oficial de colocación da sinalización da rede de Parques sen Fume no Periurbano de Feira do Monte en Cospeito. Deste modo, Cospeito, Monforte de Lemos e Riotorto convértense nos primeiros concellos da provincia de Lugo en contar con parques libres de fume de tabaco.
A través da Rede Parques sen Fume, iniciada en xaneiro de 2023 na Estrada, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo 18 os concellos adheridos en toda Galicia.
Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego persegue o obxectivo de crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas. Neste sentido, este programa, que se acaba de por en marcha, é un fillo directo doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco. En concreto, na provincia de Lugo, son 15 concellos e 34 praias.
Segundo a directora xeral de Saúde Pública, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí, que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.
As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20 % da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75 % das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Tanto o delegado da Xunta como a directora xeral destacaron a importancia que ten seguir promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco.
Compromisos
Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren unha serie de compromisos entre os que se atopan a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.